DCB de Bioloxía e Xeoloxía de 3ESO
(DOG 13 xullo 2007)
Introducción
Os avances tecno-científicos na actualidade están presentes nas nosas vidas cotiás a través de diversas aplicacións e dos medios de comunicación. As persoas usan aparellos con tecnoloxía láser, placas solares, pantallas de cristal líquido, materiais con fibras sintéticas, lámpadas de baixo consumo, teléfonos móbiles, toman antibióticos, sométense a tratamentos xenéticos, aliméntanse con produtos ecolóxicos ou transxénicos. O coñecemento científico é necesario para comprender situacións que afectan de xeito global o planeta, como o cambio climático, os sismos, a redución da biodiversidade, a diminución de concentración de ozono, «o burato de ozono», a deforestación, a contaminación, os problemas de saúde como a SIDA... por poñer algún exemplo dos máis coñecidos; e de xeito local as persoas, como a emisión de gases, os incendios, as verteduras de produtos tóxicos a ríos e mares, a sobreexplotación dos recursos, os diferentes usos do solo, o tratamento do lixo, o efecto das drogas sobre o organismo e a sociedade, etc. O ensino das ciencias da natureza ten, pois, que facilitar a comprensión de todos eses problemas e da responsabilidade humana neles, tamén dos avances científicos de cara a lograr a mellora da saúde individual e social, e para o desenvolvemento sustentable.
As ciencias da natureza resumen o coñecemento sobre o mundo natural e exprésano a través dun conxunto de principios, teorías e leis integrados dentro de modelos explicativos e preditivos; caracterízanse polos procedementos empregados para xeralos, organizalos e valoralos. Estes procedementos capacitan as persoas para valoraren e incorporaren en forma de coñecemento válido o resultado da experiencia e a información sobre a natureza que se recibe ao longo da vida. O coñecemento científico é tamén produto dunha actividade social, desenvolvida por persoas que for-man parte da sociedade de cada momento, que se ve influenciado polos coñecementos previos que se posúen, polas necesidades e condicionamentos de cada época histórica. A ciencia, por tanto, considérase o resultado dun proceso de elaboración susceptible de experimentar revisións e modificacións.
As ciencias da natureza forman parte da cultura, non só como ferramenta de desenvolvemento dela, senón tamén con entidade propia. Na historia da ciencia atopamos múltiples casos en que, a raíz dunha revolución científica, cambia a concepción do mundo. Personaxes que influíron na forma de pensar da súa época e posteriormente, como: Newton, Lavoisier, Boyle, Mendel, Wegener, Einstein, Dalton, Marie Curie, Rosalind Franklin, Watson, Crick, Lise Meitner, Severo Ochoa, Ramón Ma Aller Ulloa, Gallástegui e outros deben estar incluídos na bagaxe cultural dunha persoa crítica e preparada para afrontar os retos que se lle presenten na súa vida, polo que non se pode obviar no desenvolvemento curricular a perspectiva da historia da ciencia.
A finalidade do ensino desta área céntrase no desenvolvemento de habilidades e estratexias para recoller informacións de diferentes fontes, analizalas e valoralas, formarse opinións fundamentadas, formular hipóteses, contrastalas mediante a observación e experimentacións, e elaborar conclusións e informes; en suma, resolver problemas e formar cidadáns e cidadás críticos, con capacidade para elaborar opinións propias que lles permitan participar democraticamente nas decisións políticas que toman os representantes sociais sobre o ambiente, a saúde e as aplicacións dos adiantos científicos e técnicos. Trátase de familiarizar o alumnado coa natureza e as ideas básicas da ciencia co obxectivo de que poida comprender as problemáticas de orixe científica que o afecten como persoa e cidadán, e así poder xerar actitudes responsables que lle permitan participar na toma de decisións cando se procura a súa solución.
A área de ciencias da natureza comprende varios ámbitos especializados do coñecemento científico: bioloxía, xeoloxía, física, química, ecoloxía, astronomía, etc. Pero todos eles levan consigo o estudo do medio, dos fenómenos que ocorren nel, das súas interaccións e dos cambios. A maior parte dos obxectos de uso cotián son aplicacións dos avances no coñecemento científico e tecnolóxico da humanidade. En realidade este coñecemento integra conceptos e procedementos propios de varias materias desta e doutras áreas.
A área de ciencias da natureza contribúe a desenvolver as capacidades plasmadas nos obxectivos da etapa, promovendo a formación de persoas tolerantes, cooperativas, solidarias e democráticas; consolidando hábitos de estudo e traballo, individual e en equipo; respectando a diferenza de sexos e a igualdade de dereitos entre mulleres e homes; incentivando a busca de solucións dialogadas aos problemas, rexeitando a violencia e os comportamentos sexistas; desenvolvendo a capacidade de pensamento abstracto, a curiosidade, a creatividade e a actitude crítica.
O desenvolvemento do currículo da área de ciencias debe ter en conta as alumnas e os alumnos aos cales se dirixe, a diversidade nos niveis de desenvolvemento das súas capacidades, os seus intereses e expectativas, ofertando uns contidos que faciliten o achegamento á natureza e ás ideas básicas da ciencia e que axuden á comprensión dos problemas a cuxa solución poida contribuír o desenvolvemento científico e tecnolóxico, favorecendo actitudes responsables dirixidas a sentar as bases dun desenvolvemento sustentable.
Na educación primaria, a área de coñecemento do medio integra aspectos sociais, naturais e culturais desde unha perspectiva global e baseada nas vivencias e coñecementos cotiáns dos estudantes, para chegar a establecer relacións entre eles e unha formulación máis científica.
Na educación secundaria obrigatoria hai que partir dos coñecementos anteriores para irse achegando progresivamente a interpretacións máis elaboradas sobre o mundo que nos rodea. Nos dous primeiros cursos intégranse todas as materias nunha visión máis global de área, coa finalidade de manter unha aproximación de conxunto aos fenómenos naturais. Nos dous últimos cursos, tendo en conta a madurez cognitiva do alumnado, diferéncianse en bioloxía e xeoloxía e física e química, xa que se afonda máis en aspectos epistemolóxicos de cada unha das materias.
Os contidos están secuenciados en cursos e organizados en bloques que inclúen un conxunto de saberes relacionados, e permiten a súa organización arredor de eixes estruturantes de interese que sirvan de fío condutor para a súa interrelación, o que facilita unha aprendizaxe integradora. Os núcleos en que se organiza o currículo son os de materia, enerxía, interacción, cambio, unidade e diversidade.
O primeiro bloque de cada curso recolle os contidos, procedementais e actitudinais, relacionados co xeito de construír a ciencia e de transmitir as experiencias e o coñecemento científico. Estes contidos teñen un papel transversal, xa que se relacionan con todos os bloques e deberán desenvolverse da forma máis integrada posible co conxunto dos contidos de cada curso.
Na distribución dos contidos tense en conta a madurez intelectual do alumnado e a exixencia cognitiva das materias; así, afóndase nos dous primeiros cursos en aspectos máis descritivos e observables dos conceptos, aínda que se introducen modelos explicativos sinxelos. En terceiro e cuarto afóndase máis no nivel interpretativo das ciencias e empréganse modelos máis complexos e teóricos para interpretar os fenómenos e aspectos do medio.
No primeiro curso aparecen contidos relacionados coa Terra como planeta. En segundo curso aparece a enerxía como concepto estruturante, relacionada cos cambios nos sistemas materiais.
No terceiro curso, nos bloques de física e química, afóndase no nivel interpretativo sobre a materia, co emprego de modelos que explican e predín as propiedades das substancias e os seus cambios. Aparece tamén a idea de conservación, tanto para a masa como para o elemento nos cambios químicos.
Na bioloxía e xeoloxía de terceiro curso, partindo das achegas da área dentro do ámbito da física e a química sobre materia e enerxía, trátanse dous sistemas, o corpo humano e o ecosistema. O estudo da estrutura e función do corpo humano desde un enfoque de educación para a saúde, onde o estudo dos aparellos se abordará desde unha perspectiva globalizadora e integradora destacando a importancia de condutas e hábitos saudables dando a coñecer as novas perspectivas no ámbito do tratamento da enfermidade e nas súas diferenzas no mundo globalizado. Respecto ao estudo do ecosistema, abordaranse os temas desde unha perspectiva integradora e globalizadora da interacción e interdependencia das persoas e o medio para rematar coa actividade xeolóxica debido á enerxía externa na Terra, enmarcado dentro dun planeta dinámico.
Na física e química de cuarto curso abórdase o estudo das forzas como interaccións, os seus efectos como cambios no estado de movemento dos corpos ou as presións, tanto a nivel planeta como universal.
Na bioloxía e xeoloxía de cuarto curso destácase a introdución das grandes teorías que fixeron posible a revolución nas ciencias da vida e da terra no século XX e que están a continuar na actualidade. Á hora de abordar os contidos da área deberemos ter en conta a nosa propia realidade. Galicia ten unha situación xeográfica e un medio natural e cultural propios, o que fai necesaria unha contextualización específica á hora do tratamento na aula dos contidos de ciencias naturais. O coñecemento do patrimonio ambiental propio e as consecuencias directas e indirectas das súa explotación deben quedar reflectidos. Temáticas de actualidade como os incendios, o tráfico marítimo, a explotación dos recursos naturais, a biodiversidade, os espazos protexidos deben formar parte intrínseca da práctica da aula. Contribución da materia ás competencias básicas. As ciencias da natureza contribúen á adquisición das competencias básicas desde a organización das materias que integran a área, da súa estrutura conceptual, da metodoloxía utilizada e das actitudes e valores que promove.
A comunicación, nos ámbitos da comprensión e expresión, tanto oral como escrita, constitúe un eixe fundamental no proceso de ensino e aprendizaxe do coñecemento científico, contribuíndo ao desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística.
Nesta área trátase de desenvolver a capacidade de comprensión cando se fan lecturas de textos científicos e o alumnado aprende a diferencialos doutros que non son científicos, cando se contrastan materiais escritos e audiovisuais de diferentes fontes, tanto descritivos como argumentativos, nun proceso que pasa pola identificación dos conceptos e ideas principais, a interpretación do papel que desempeñan segundo o contexto e as relacións que se establecen entre eles.
Na resolución de problemas débese estimular a lectura comprensiva a través da contextualización da situación, da identificación dos conceptos que aparecen e das relacións que se establecen entre os ditos conceptos e os datos.
No ensino da área a expresión oral e escrita busca a coherencia e precisión no uso da linguaxe, tanto no nivel descritivo como no interpretativo. Trabállase a expresión cando se emiten hipóteses, contrástanse ideas, acláranse significados sobre conceptos ou procesos científicos en contextos diferentes, realízanse sínteses, elabóranse mapas conceptuais, extráense conclusións, realízanse informes ou organízanse debates onde se fomenten actitudes que favorezan a mellora na expresión oral e escrita, a confianza para expresarse en público, o saber escoitar, o contrastar opinións e ter en conta as ideas dos demais.
Contribúe esta área ao desenvolvemento da competencia matemática, dado que o coñecemento científico se cuantifica grazas á linguaxe matemática. O emprego de números, símbolos, operacións e relacións entre eles forman parte da metodoloxía científica e constitúen unha base importante para a comprensión de leis e principios.
Na realización de investigacións sinxelas, traballos prácticos ou resolucións de problemas desenvólvense capacidades para identificar e manexar variables, para organizar e representar datos obtidos de maneira experimental, para a interpretación gráfica das relacións entre eles, para realizar operacións con números e símbolos, para atopar as solucións correctas, para cuantificar as leis e principios científicos e para utilizar estratexias básicas na resolución. Nas ciencias da natureza emprégase o razoamento matemático como apoio cara a unha mellor comprensión das relacións entre conceptos.
A competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico recae de xeito importante sobre esta área na cal o alumnado aprende os conceptos básicos que lle permitan a análise, desde diferentes eidos do coñecemento científico, da materia, dos seres vivos, dos fenómenos naturais, das súas transformacións, dos seus efectos sobre o ambiente e a saúde, dos cambios e dos obxectos tecnolóxicos.
A área de ciencias da natureza contribúe á competencia de tratamento da información e competencia dixital, xa que se traballan habilidades para identificar, contextualizar, relacionar e sintetizar a información procedente de diferentes fontes e presentada en diversas linguaxes propias das tecnoloxías da información e comunicación, como os buscadores pola internet, documentos dixitais, foros, chats, mensaxaría, xornais dixitais, revistas divulgativas na web, presentacións electrónicas e simulacións interactivas. Cando se traballa a crítica reflexiva sobre as informacións de tipo científico que achegan as tecnoloxías da información e a comunicación, foméntanse actitudes favorables ao emprego delas evitando o seu emprego indiscriminado.
Cando se apoia a aprendizaxe de modelos teóricos por medio de simulacións, cando se traballan representacións de datos por medio de programas informáticos, cando se realizan experiencias virtuais para contrastalas coas reais, cando se representan estruturas moleculares, atómicas, anatómicas, xeolóxicas, situacións problemáticas coa axuda dos ordenadores, desde a área estase a contribuír á competencia dixital.
En relación coa competencia social e cidadá, esta área trata de dotar o alumnado das habilidades necesarias para comprender a problemática actual en relación coa súa persoa, co resto da sociedade e co planeta. A aproximación do currículo á situación concreta na cal se vive facilita a participación activa do alumnado en actividades que impliquen esa cidadanía responsable.
As ciencias da natureza contribúen a coñecer e aceptar o funcionamento do corpo, respectar as dife- renzas, afianzar os hábitos de coidado e saúde corporais e ser críticos cos hábitos sociais pouco saudables e a contribuír á conservación e mellora do ambiente.
Os debates históricos sobre as diferentes concepcións dos fenómenos que afectan as persoas serven para traballar habilidades sociais relacionadas coa participación, cooperación e poñerse en lugar dos outros, aceptar diferenzas, respectar os valores, crenzas e incluso a diversidade de culturas.
A contribución da área á competencia cultural e artística. Na expresión das ideas, conceptos e princi- pios das ciencias da natureza empréganse, de xeito creativo, diferentes códigos artísticos para representar fenómenos ou situacións dun xeito comprensible.
Desde a área de ciencias contribúese a desenvolver esta competencia cando se promove a presentación das ideas ou traballos en formatos diversos, onde se lles deixa ás alumnas e aos alumnos a liberdade de elixir os ditos formatos estéticos e artísticos, cando se utilizan os museos de ciencias para espallar os xeitos de pensar ou facer doutras culturas, ou nas exposicións relacionadas co ámbito científico, como medio de coñecer, comprender e desfrutar do coñecemento científico.
O desenvolvemento da competencia de aprender a aprender desde os ámbitos científico e tecnolóxico, nun mundo en continuo e acelerado cambio, implica espertar inquedanzas e motivacións cara á aprendizaxe permanente. Cando afloran as ideas previas do alumnado sobre os contidos científicos, favorécese esta competencia xa que se está a promover que as alumnas e os alumnos sexan conscientes do seus propios coñecementos e limitacións. Pódese empregar a historia da ciencia para que os estudantes non caian no desánimo de estar case sempre errados nas súas concepcións, cando ata os máis grandes científicos experimentaron erros e resistencias ás novas ideas.